Nas fértiles terras do sonado viño da Ulla, as do seu augardente, as do entroido, as dos muíños, do río… os rapaces da Requinta comezaron na música de moi nenos. Aquí comeron, beberon e medraron, nun lugar chamado Sarandón. Agora guiados por Emilio Lois, o director da tropa, decidiron manter viva a tradición musical desta zona. Son parrandeiros e gústalles a festa a mais non poder, a festa sin fin. Os Laxeiros xogan con ventaxa, son novos e déronlle a este val un aire fresco e alegría coas requintas e gaitas que sempre houbo aquí.
Sarandón é unha zona de requinteiros, de aquí saían os mellores grupos nos que a gaita e a requinta soaban a un tempo para animar as festas de tódalas vilas dun e doutro lado do río; pero, como moitos instrumentos, estivo a punto de desaparecer. Afortunadamente recuperouse polo testemuño e o saber dos vellos requinteiros e as ganas e a ilusión dos novos músicos.
A Requinta da Laxeira é un grupo de música tradicional dedicado á recuperación da requinta. Parte do seu repertorio componse de “música de requinta” (recollida aos vellos requinteiros da Ulla que tanto disfrutaban nos seus tempos con ese característico instrumento); tamén engaden outras pezas adaptadas ao máis puro estilo ‘laxeiro’, onde incorporan voces, bailes e animación.
Os concertos trátanos de encher de festa, onde pasalo ben, cantar, bailar…sorrir, son a escusa principal destes eventos.
A Laxeira é un cruce de camiños de Sarandón. Este lugar dálle nome ao grupo como apelido, pero o nome propio é “a requinta”, instrumento que lle imprime carácter e esencia.
Vai de baranda é o primeiro disco de A Requinta da Laxeira. É froito dunha gravación realizada en directo nos Estudios Mans da Coruña o 21 de decembro de 2009 no marco do programa Outra+outra. Componse de 11 pezas. Anos máis tarde, aló polo 2013, aparece Maise, segundo disco do grupo con unhas 14 cancións aderezadas co máis puro estilo laxeiro, gravadas e mesturadas no estudio Phonos (A Estrada). Agora, neste 2022, finalmente e despois dun longo proceso con unha pandemia de por medio chega, da man da productora Xonix Records …e Millore! o terceiro e novo disco da Requinta!
Emilio Lois (batuta e triángulo)
Sergio López (acordeón)
Asier Cabo (acordeón)
Carlos Lobato (requinta)
Ángel Chenlo (requinta)
Xerardo Albela (requinta)
Juan Álvarez (gaita)
Álvaro Figueiras (gaita)
Pablo Chenlo (gaita)
Samuel Ádigos (tambor)
Óscar López (bombo)
Martin (bombo)
Chío Couto (pandeireta)